Tras catro reunións sen avances e coa patronal mostrando escasas intencións de negociar, durante o mes de agosto iniciáronse as mobilizacións polo convenio colectivo da hostalaría na Coruña.
A situación resulta especialmente contraditoria: mentres o sector vive un verán de récord, con cifras de ocupación hoteleira que chegan ao 88 % en xullo, terrazas e festas cheas e unha facturación que iguala ou mesmo supera a do ano 2023, as persoas traballadoras seguen padecendo condicións laborais inaceptables.
Soldos que apenas superan o Salario Mínimo Interprofesional, xornadas abusivas, falta de descansos e unha precariedade que incrementa o risco de lesións marcan a realidade diaria de milleiros de traballadores e traballadoras. A riqueza que xera a hostalaría non pode seguir construíndose sobre a explotación e a perda de dereitos.
Por iso, CCOO, CIG e UGT chamamos á mobilización baixo o lema “NON á escravitude na Hostalaría”, co obxectivo de acadar un acordo que garanta condicións laborais xustas e salarios dignos.
As primeiras accións de protesta iniciáronse en setembro con recollidas de sinaturas no Obelisco da Coruña, na Praza do Toural e na Praza Roxa en Santiago, e culminarán este mes cunha concentración o 26 de setembro na Praza do Toural.
Desde os sindicatos reiteramos que a loita continúa e que a dignidade laboral non é negociable. A participación activa das persoas traballadoras será clave para conquistar un convenio que recoñeza o seu esforzo e poña fin á precariedade que leva demasiado tempo instalada no sector.